Grazas á posta en marcha do proxecto Illa do Pensamento, a illa de San Simón estase a converter nun centro de intercambio de ideas socialmente asumido e universalmente recoñecido.
O arquipélago ten dez séculos de historia, e durante eses anos houbo de todo, bo e malo. Poesía, relixión, guerras e asasinatos, corentenas e confinamentos sanitarios e ideolóxicos. Abandono e ruína. Pensamos que o mellor xeito de renderlle tributo a ese pasado é por superación. Converter a illa no que non a deixaron ser: un lugar de encontro e intersección non só de correntes mariñas, senón tamén de ideas e pensamento. En liberdade. En diálogo.
Porque é ese mesmo pasado o que nos ensina que o camiño correcto é o do diálogo e o do respecto ás ideas alleas e ás diferenzas. E San Simón é o escenario perfecto para conseguilo. Un espazo no que estamos a xerar unha mellor intelixibilidade das nosas sociedades contemporáneas co fin de formular desde esa comprensión mellores estratexias de acción social.
San Simón está a trascender dese modo a súa identidade como espazo natural único dotado de equipamentos recuperados nos que se enxalza o seu valor histórico para converterse nun catalizador do pensamento creativo, máxico, artístico e crítico. Entendemos a illa como un ente aglutinador, que desborda o espazo físico para adoptar a forma virtual, da acción de pensamento que move ao home atlántico do século XXI. Traer do mundo e levar ao mundo mensaxes de innovacións artísticas, a través das novas tecnoloxías ao servizo do saber máis antigo, desde unha perspectiva transdisciplinar. Porque este proxecto carecería de sentido se non existiran unhas tecnoloxías virtuais que neste momento permiten superar os seus contornos físicos e chegar a outros contornos.